Thursday 16 de May de 2024

A Xunta destaca que o Plan Xacobeo Next Generation permiritá destinar a Galicia máis de 39M€ para a reactivación do turismo neste Ano Santo


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o investimento do Goberno galego de máis de 171M€ en dous anos no Xacobeo 21-22 e sinalou a oportunidade histórica que supoñen os fondos europeos para dar a coñecer este evento

― O Plan inclúe 22,7M€ para a rehabilitación de 12 Bens de Interese Cultural, 8,4M€ en accións de cohesión promovidas pola Xunta para fomentar Galicia como destino de cicloturismo e o Camiño Seguro en familia, ademais de promover a Ruta Xacobea Mar de Arousa e río Ulla, e outros 8,1M€ para o desenvolvemento de 4 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino presentados por entidades locais

― Alfonso Rueda lembrou que Galicia estivo de moda o ano pasado situándose nos postos de cabeza da recuperación turística con case 25 puntos por riba da media nacional grazas ao reforzo da mensaxe como destino seguro e de calidade e confía en consolidar a recuperación do sector co Xacobeo 21-22 e os fondos europeos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe na última xornada da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid as actuacións incluídas no Plan Xacobeo Next Generation, para consolidar a recuperación turística da comunidade a través dos fondos europeos e aproveitando a oportunidade que ofrece a celebración deste Ano Santo Dobre.

Galicia xestionará un total de 39,2 millóns de euros para poñer en marcha actuacións como as dúas accións de cohesión en destino (ACD) promovidas polo Goberno galego co obxectivo de reforzar Galicia como destino seguro que contarán cun investimento de máis de 8,3 millóns de euros. Trátase por unha parte de fomentar Galicia como destino de cicloturismo empregando as rutas xacobeas e a rede eurovelo e o Camiño de Santiago seguro en familia, dúas accións que suman unha achega de 5,7 millóns de euros.

Os 2,6 millóns restantes correspóndense con outra ACD enfocada á promoción da Traslatio ou Ruta Xacobea Mar de Arousa e río Ulla para captar novos turistas e peregrinos.

Ademais das Accións de Cohesión en Destino promovidas pola Xunta, outros 8,1 millóns de euros destinaranse ao desenvolvemento de catro Plans de Sustentabilidade Turística en Destino presentados por entidades locais dos que se beneficiaron os concellos de Vilagarcía de Arousa e Oia, a Mancomunidade do Salnés e a Deputación de Pontevedra.

Por outra parte, Galicia recibirá 22,7 millóns de euros para a rehabilitación de 12 de Bens de Interese Cultural, dos que destacan os 14 millóns para o Castelo de Monterrei. Ás melloras previstas nesta fortaleza súmanse actuacións propostas para o arquipélago de Sálvora, a illa de Ons, o vello cárcere de Tui, o castelo de Santa Cruz da Guarda, a ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata As Aceñas, as Torres do Oeste en Catoira, a Casa Museo de Valle Inclán en Vilanova de Arousa, o conxunto histórico-artístico de Mondoñedo, o parque do Pasatempo de Betanzos, a Torre de Hércules da Coruña, e a paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

No acto interveu o vicepresidente primeiro da Xunta, xunto co secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Tamén acudiron os delegados territoriais da Xunta. Alfonso Rueda incidiu en que Galicia xa demostrou o ano pasado que o Xacobeo 21-22 é o motor da recuperación económica da comunidade, como así o demostra o investimento do Goberno galego neste evento con máis de 171 millóns de euros, 85,8 millóns nos orzamentos para este ano. A este importante investimento súmase -engadiu- a oportunidade histórica que supoñen os fondos europeos para dar a coñecer este evento considerado un fenómeno universal.

Alfonso Rueda confía en que este 2022 Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.

Nesta liña, indicou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.

Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.